Campaña de recollida de sinaturas para reclamar un transporte público de calidade no Ortegal
O transporte público é un servizo esencial para garantir que as persoas poidan desprazarse no territorio, acudir ao traballo ou mesmo ao médico pero tamén debe ser unha prioridade coa que contribuír a reducir o uso do vehículo privado e reducir a contaminación atmosférica. Apostar polo transporte público é incrementar as frecuencias, adaptar os horarios ás necesidades das persoas e ofrecer un servizo público e de calidade.
Pero trala implantación do Plan de Transporte da Xunta de Galiza e o redeseño das liñas, dos horarios e da posta en funcionamento do servizo prestado por Monbus como gran adxudicataria do servizo e como concesionaria do transporte público, os problemas non deixan de sucederse e provocan graves problemas ás persoas usuarias do transporte público na nosa comarca. Ademais, os servizos prestados fan inviábel unha correcta conectividade entre os concellos que conforman a Comarca do Ortegal e destes con concellos das comarcas do Eume, Mariña e/ou Ferrolterra. Polo que os desprazamentos por motivos laborais, académicos, sanitarios ou de lecer dificúltanse ou teñen que realizarse con transporte privado.
Quen máis sae prexudicado deste caos é a xuventude e as nosas persoas maiores. A xuventude carece de servizos diarios ás cidades universitarias ou aos centros de formación académica. Mais tampouco existen uns horarios compatíbeis de ida e para as voltas nas fines de semana, polo que teñen que agardar durante horas na estación ou buscar alternativas.
As persoas maiores e co actual Plan de Transporte da Xunta de Galiza, nas horas escolares dos nenos e das nenas que se dirixen aos centros escolares ou de volta para a casa, poden facer uso do mesmo autobús. Isto non sería un problema se houbese prazas suficientes pero en moitas ocasións, o bus vai cheo e non pode coller a ninguén máis. As persoas que están na parada vense na obriga de agardar a que pase o seguinte bus ou buscar outra alternativa para facer o traxecto.
Tamén temos comprobado como os horarios non se cumpren porque o tempo estipulado pola empresa adxudicataria para facer os traxectos son totalmente insuficientes e irreais, habería que reforzar o servizo para que se cumprisen. Habería tamén que poñer os horarios en todas as paradas e marquesiñas e adaptalos ás necesidades da poboación (ir ao traballo, ao médico, a facer compras, etc.) e non ás necesidades da empresa.
Todo isto crea desconfianza e implica unha falta de uso do servizo por parte dos usuarios e das usuarias, que xa procuran outras alternativas de mobilidade ao non ter claro se vai poder ir ou regresar ao seu fogar, se vai poder chegar a tempo ao seu posto de traballo ou de estudo con puntualidade.
O BNG e as persoas asinantes solicitámoslle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e ao Concello de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón:
1. Cumprir cos horarios establecidos.
2. Incremento de prazas nas horas escolares para favorecer o uso deste servizo por parte da veciñanza.
3. Incremento dos autobuses adaptados que faciliten o acceso de cadeiras de rodas, carros de crianza e de compra.
4. Colocar os horarios en todas as nas marquesiñas e mellorar a información de interese.
5. Habilitar un punto de atención presencial no Concello de Ortigueira ou Comarca do Ortegal.
6. Que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e aos Concellos de Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira lle esixan a Monbus o cumprimento dos horarios e condicións do contrato.
Podes asinar aquí: ASINA!