Ortigueira avanza na concesión de axudas escolares, pero as bases quedan curtas para as familias que realmente as necesitan
O Concello de Ortigueira publica unhas bases para as axudas escolares grazas á insistencia do BNG. Porén, estas quedan curtas fronte ás necesidades reais das familias, especialmente as máis vulnerábeis. As bases presentan carencias como unha definición pouco clara de "material escolar", exclúe etapas educativas como a FP e a universidade, e a falta de cobertura para gastos de desprazamento.
Mentres outros concellos liderados polo BNG avanzan en modelos inclusivos, Ortigueira mantén un sistema insuficiente influenciado pola imrpovisación de PP-XA.
O BNG seguirá loitando por unhas axudas máis equitativas e adaptadas á realidade das familias.
Ortigueira avanza na concesión de axudas escolares, pero as bases quedan curtas para as familias que realmente as necesitan
O Concello de Ortigueira, por fin, dá un paso importante ao regular as axudas escolares para este curso. Despois de moitos anos cunha partida reservada faltaban unhas bases para a súa execución e, por fin e tras a insistencia do BNG, as familias poderán acceder a axudas para cubrir algúns dos gastos derivados da escolarización das súas fillas e dos seus fillos. Mais, lonxe de ser unha solución definitiva, as bases aprobadas quedaron moi por baixo das expectativas e non alcanzan a cubrir as necesidades reais das familias, especialmente aquelas con ingresos máis baixos ou en situacións de vulnerabilidade.
Unha definición confusa e excluínte de material escolar
Un dos principais problemas das bases de Ortigueira é a súa definición vaga de "material escolar". Aínda que se exclúen libros de texto e dispositivos electrónicos, non se aclara que outros materiais están subvencionados, deixando ás familias nunha situación de incerteza. Mochilas, material artístico, instrumentos musicais ou mesmo roupa deportiva, elementos que forman parte dos gastos educativos básicos, non están contemplados nin especificados.
Formación Profesional e Universidade fóra da axuda
Outro aspecto fundamental que deixa de lado a axuda en Ortigueira é a exclusión do estudantado de Formación Profesional (FP) e Universidade. A moción do BNG xa deixaba claro que as axudas tiñan que abranguer todas as etapas educativas, pero as bases seguen deixando fóra a moitos estudantes que se ven obrigados a asumir custos elevados en desprazamentos, material especializado e formación en xeral. Non se pode falar de igualdade de oportunidades cando se ignoran as necesidades do estudantado que, xa na educación superior, ten que facer fronte a grandes dificultades económicas. A solución para Ortigueira debería ser máis inclusiva e ampliar as axudas ás etapas postobrigatorias.
A importancia dos desprazamentos: un problema sen resolver
O Concello de Ortigueira tampouco contempla o apoio para os gastos de desprazamento. Este é un dos principais gasto que moitas familias deben afrontar, especialmente aquelas que teñen fillos e fillas en centros educativos noutras vilas e cidade. Concellos da comarca gobernados polo BNG implementaron axudas para desprazamentos, garantindo que ningún estudante se vexa limitado pola súa localización xeográfica. Na actualidade, as axudas de Ortigueira non chegan a cubrir estas necesidades, deixando moitas familias sen resposta.
O modelo do PP-XA é un fracaso
Mentres os concellos gobernados polo BNG están dando pasos para mellorar a igualdade de oportunidades educativas, con bases claras e axudas que abranguen un maior espectro de necesidades, o modelo PP-XA segue a amparar bases de axudas escolares que non chegan á maioría das familias, deixando a moito estudantado sen apoio real. O enfoque do PP-XA está deseñado para favorecer a un número reducido de beneficiarios e non responde á realidade das familias galegas. As bases de Ortigueira, influenciadas por esta visión, non teñen en conta as dificultades reais que atravesan moitas familias no noso municipio.
O camiño cara a unha educación igualitaria está lonxe de estar completo
Con todo, desde o BNG celebramos que, por fin, o Concello de Ortigueira aprobase unhas bases de axudas escolares, pero isto non é suficiente. A nosa veciñanza merece máis, Ortigueira merece máis. Necesitamos que as axudas sexan máis amplas, que inclúan todas as etapas educativas e que contemplen gastos fundamentais como os desprazamentos e a tecnoloxía. As familias con ingresos baixos non deben quedar atrás, e as axudas deben adaptarse á realidade de cada familia. En Ortigueira, ao igual que noutros concellos gobernados polo BNG, é posíbel garantir que todos o estudantado, sen importar a súa situación económica ou a súa localización, teñan acceso aos recursos necesarios para desenvolverse plenamente na súa formación.
O traballo do BNG non remata aquí. Seguiremos insistindo para que as axudas escolares de Ortigueira sexan máis xustas, máis amplas e máis equitativas, e para que ningunha familia quede sen o apoio que necesita para garantir a educación dos seus fillos e fillas.
Podes ler e descargar as bases clicando AQUÍ