Servizo de Socorrismo en Ortigueira: Un novo suspenso para o Goberno Municipal do Sr. Calvín e a Sra. Rego

A Concha, Espasante
A Concha, Espasante

O servizo de socorrismo nas praias de Ortigueira, recentemente recuperado polo Goberno Municipal, non está a cumprir as expectativas.

A realidade mostra graves deficiencias que poñen en risco tanto ás persoas bañistas como aos propios socorristas.

Servizo de Socorrismo en Ortigueira: Un novo suspenso para o Goberno Municipal do Sr. Calvín e a Sra. Rego

Ortigueira é un concello turístico con praias marabillosas e un grande potencial natural que atrae cada ano a máis visitantes. Para garantir a seguridade de todos, é esencial ter un servizo de Salvamento e Socorrismo adecuado. Con todo, o servizo de socorrismo nas praias de Ortigueira, recentemente recuperado polo Goberno Municipal, non está a cumprir as expectativas. A realidade mostra graves deficiencias que poñen en risco tanto ás persoas bañistas como aos propios socorristas.

Entre os problemas destacan a falta de embarcacións operativas ou a moto acuática, casetas de socorrismo mal situadas e a ausencia de balizamento nas zonas de baño. A falta de materiales e recursos necesarios para o servizo tamén deixa aos socorristas en condicións precarias.

Desde o BNG de Ortigueira, propoñemos medidas urxentes para solucionar estas deficiencias. É fundamental entregar a moto acuática e dotar aos socorristas dos materiais necesarios. Tamén é necesario recolocar as casetas en puntos estratéxicos para unha vixilancia efectiva e balizar as zonas de baño para garantir a seguridade dos bañistas. Ademais, propoñemos a instalación de carteis informativos que indiquen claramente as prohibicións, como a presenza de animais nas horas que están abertas as praias ao público (historicamente de 12:00 a 20:00h).

A situación é preocupante nun concello turístico que debería priorizar a seguridade. A actitude do alcalde no primeiro incidente do verán, que minimizaba as carencias e incluso foi quen de culpabilizar aos asistentes do Festival do Mundo Celta, son inaceptábeis. No seu momento xa dixemos que as declaracións do alcalde («históricamente solo un año hubo socorristas durante el festival, porque se junta tanta gente que los marean y no resulta operativo» La Voz de Galicia, 14/07/24) despois do incidente ocorrido durante o Festival Celta foron irresponsábeis e indecentes para o cargo que ocupa.

Para que Ortigueira manteña a súa reputación como destino turístico seguro, o Goberno Municipal debería de corrixir estas deficiencias de inmediato e asegurar un servizo de socorrismo eficaz e ben dotado no mes de verán e temporada alta que nos queda para ofrecer protección á nosa veciñanza e ás persoas que nos visitan.

Servizo de Socorrismo en Ortigueira: Un novo suspenso para o Goberno Municipal do Sr. Calvín e a Sra. Rego