A xestión deficiente dos Gobernos Municipais de Ortigueira expóñennos á ameaza dos parques eólicos de Barqueiro e Badulaque

A publicación do BOE sobre a tramitación dos parques eólicos Barqueiro e Badulaque en Ortigueira saca á luz as deficiencias na xestión dos gobernos municipais, tanto actuais coma anteriores.

A pesar da oposición veciñal e do apoio do BNG, o concello centrouse nos impactos ambientais, descoidando aspectos técnicos cruciais. Isto debilitou a súa posición contra os proxectos, que representan unha ameaza ecolóxica significativa para a comarca do Ortegal.

A falta dunha resposta técnica efectiva comprometeu a capacidade de bloquear a autorización dos proxectos, poñendo en risco o futuro ambiental e a calidade de vida da comunidade local

A xestión deficiente dos Gobernos Municipais de Ortigueira expóñennos á ameaza dos parques eólicos de Barqueiro e Badulaque

O proceso de tramitación dos parques eólicos Barqueiro e Badulaque en Ortigueira, promovidos por Enel Green Power, expuxo deficiencias na xestión dos Gobernos Municipais, tanto pasados coma presentes. A pesar da forte oposición veciñal e da aprobación unánime dunha Declaración Institucional en contra do proxecto e impulsada polo BNG - Bloque Nacionalista Galego, o Concello limitouse a centrarse nos impactos ambientais, sen abordar suficientemente os aspectos técnicos que poderían ter reforzado a nosa posición contra estes proxectos que representan unha ameaza ecolóxica para o Ortegal.

Despois de analizar o BOE do 10 de agosto, extraese que o Concello de Ortigueira, a pesar de facer alegación, non proporcionou a documentación técnica específica solicitada pola empresa, o que se pode interpretar como unha falta de interese ou, no mellor dos casos, unha estratexia mal planificada. Esta omisión non só debilitou a capacidade do Concello de Ortigueira para cuestionar o proxecto, senón que tamén revelou unha ausencia de coordinación e previsión nas súas accións. Consideramos que o actual Goberno Municipal fixo ben en subliñar os impactos negativos sobre o medio ambiente, pero o feito de non achegar a información técnica esixida comprometeu a credibilidade e a capacidade para bloquear o desenvolvemento dos Parque Eólicos no Ortegal

É importante lembar que os parques eólicos Barqueiro e Badulaque afectan aos catro concellos da comarca do Ortegal (Cariño, Cerdido, Mañón e Ortigueira) e aos concellos limítrofes Vicedo e Viveiro (Lugo), Cedeira, Moeche, As Somozas e As Pontes (A Coruña). Conxuntamente, estes proxectos, que suman unha potencia total de 216 MW e instalarán 39 aeroxeradores de 200 metros de altura, están en fase de tramitación polo Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO). A súa tramitación xera un forte rexeitamento social debido á proximidade dos aeroxeradores a vivendas e explotacións gandeiras, e a deficiencias na documentación técnica.

Desde o Bloque Nacionalista Galego presentamos unha iniciativa parlamentaria e que foi debatida na comisión sexta de Industria e Enerxía o pasado mes de xuño, solicitando que a Xunta de Galiza apoiase á veciñanza afectada e esixindo unha revisión exhaustiva dos impactos dos proxectos. Tristemente, a iniciativa non saíu adiante, xa que o PP votou en contra, PSOE abstívose e só o BNG votou a favor.

Desde a nosa perspectiva, como grupo de oposición á instalación destes proxectos, consideramos que a actuación do Concello de Ortigueira e do Goberno Municipal actual, liderado actualmente polo Sr. Calvín e pola Sra. Rego, resultou insuficiente. A falta dunha resposta técnica efectiva debilitou a defensa dos intereses de Ortigueira e do Ortegal e ao non cubrirse todas estas frontes posíbeis, acaba de certificarse a autorización por parte do MITECO dos parques eólicos, o que compromete o futuro da nosa comarca, tanto a nivel ambiental como de calidade de vida da nosa xente.

EÓLICA SI, PERO NON ASÍ!!!

A xestión deficiente dos Gobernos Municipais de Ortigueira expóñennos á ameaza dos parques eólicos de Barqueiro e Badulaque