AS FAMILIAS DE ORTIGUEIRA ESIXEN PARQUES INFANTÍS SEGUROS E ACCESÍBEIS: O BNG LEVA AS SÚAS QUEIXAS AO PLENO MUNICIPAL

O BNG de Ortigueira esixe melloras urxentes nos parques infantís do concello para garantir a seguridade e a calidade de vida da infancia e mocidade

Tras atender as queixas das familias polo mal estado dos parques infantís, o BNG presentará unha moción no pleno para esixir ao Concello melloras urxentes. Entre as propostas destacan a reparación das estruturas de xogo, a creación dun programa de mantemento regular, a cubrición para protexelas das inclemencias meteorolóxicas, a adaptación para a accesibilidade universal e a inclusión de xogos multisensoriais.

O BNG de Ortigueira esixe melloras urxentes nos parques infantís do concello para garantir a seguridade e a calidade de vida da infancia e mocidade

  As familias de Ortigueira levan tempo manifestando as súas queixas polo lamentábel estado en que se atopan os parques infantís municipais, e máis concretamente o que está nos Xardíns de Xulio Dávila na Alameda de Ortigueira, cuxas instalacións presentan un evidente deterioro e falta de mantemento. Estruturas de xogo como o tobogán e as randeeiras amosan signos claros de desgaste, o que representa un risco potencial para os nenos e nenas que empregan estas áreas de lecer. O mal estado tamén se fai presente nos demais elementos de xogo neste e noutros espazos e é motivo de preocupación, xa que como nos trasladaron algunhas familias “compromete a seguridade e desincentiva o uso destes espazos”.

  Ante esta situación, os responsábeis do BNG de Ortigueira atenderon as queixas das familias e presentarán no vindeiro pleno unha moción para instar ao Goberno municipal a que tome medidas inmediatas. O portavoz municipal, Marco Schaal, destaca que entre as peticións do BNG inclúense:

  1. Reparación e mellora das estruturas de xogo e dos espazos: o BNG demanda unha intervención para restaurar e mellorar os elementos de xogo, así como para substituír e reparar os equipamentos danados, garantindo así que os parques sexan seguros e atractivos para o seu uso.

  2. Programa regular de mantemento: coa finalidade de previr o deterioro futuro, o BNG propón establecer un programa de mantemento continuo que inclúa a limpeza e un programa de mantemento e conservación dos espazos de xogo.

  3. Cubrición dos parques infantís: para facilitar o uso dos parques durante todo o ano, especialmente en días de choiva, solicitamos un plan de actuación para instalar cubertas que protexan as crianzas das inclemencias meteorolóxicas, priorizando o parque máis demandado polas familias.

  4. Accesibilidade e inclusión: co obxectivo de facer destes espazos lugares inclusivos, propoñemos un estudo técnico que avalíe as necesidades de accesibilidade e a instalación de xogos adaptados e multisensoriais que permitan a participación de todas as crianzas, independentemente das súas capacidades.

  5. Dotación orzamentaria específica: pídese que se destine unha partida dos orzamentos municipais para estas melloras, de xeito que se poidan acometer as actuacións necesarias nun prazo razoábel e con criterios de accesibilidade e seguridade.

  En definitiva, o BNG insta unha vez máis ao Goberno municipal a actuar con celeridade e a recoñecer a importancia destas infraestruturas para a calidade de vida da nosa infancia e mocidade. “A protección e o coidado dos espazos públicos deben ser unha prioridade para calquera goberno que se preocupe polo benestar da veciñanza”, conclúe Fani Pérez, responsábel do BNG en Ortigueira.

 

O BNG de Ortigueira esixe melloras urxentes nos parques infantís do concello para garantir a seguridade e a calidade de vida da infancia e mocidade