Dúbidas sobre o estado das contas e orzamentos no Concello de Ortigueira
A principios de agosto, o goberno local PP-XA sacaba unha nota de prensa na que aseguraban ter realizado unha auditoría sobre o estado das contas do Concello de Ortigueira. Nesta nova, publicada en xornais e redes sociais do concello de Ortigueira, asegurábase que só quedaban 3000€ para o que restaba de ano e unha débeda de case 2 millóns de euros.
No pleno que se celebrou poucos días despois (10 de agosto) e realizadas as preguntas pertinentes por parte da oposicion, tanto o Concelleiro de Facenda, Sr. Monteagudo, como o Alcalde, Sr. Valentín, afirmaban que a nota de prensa "non era de todo certa" e que a auditoría era "un informe de secretaria", respectivamente.
Neste pleno tamén se aprobouse o expediente de crédito extraordinario e participar no Plan Adicional da Deputación co que o Concello conseguía sobre 400.000€ para gastos correntes. Pero non hai constancia de que o actual goberno redactase uns orzamentos e reservase partidas para o que queda do ano 2023.
A semana do 11 ao 17 de setembro publícase un "decreto de alcaldía" no que se transfiren 25.000€ de educación (para familias e/ou asociacións sen ánimo de lucro) para outra de "Festexos" (máis concretamente, para o alumeado de Nadal).
Preguntado sobre o motivo deste cambio na xunta de portavoces, ademais de mostrar certa sorpresa e/ou descoñecemento no propio goberno disto, non houbo unha resposta que aclarase o motivo, de feito, só conseguiron crear máis dúbidas ao respecto desta partida.
A resposta foi que a partida estaba destinada (enténdese que reservada polo anterior goberno) a convocar unhas axudas ou bolsas de estudo e como non daba tempo de publicar as bases de aquí a final de ano, decidiron pasalo a festexos.
As preguntas agora son, se as partidas estaban esgotadas como se afirma na nova e polo Sr. Alcalde e o Concelleiro de Facenda e se o Sr. Alcalde en diferentes reunións asegura que "non hai cartos"; como é posíbel que agora si había 25.000€ nunha partida de educación? Como é posíbel que na primeira quincena de agosto só había 3000€ ou partidas esgotadas, pero na primeira quincena de setembro si había 25.000€ nunha partida de educación?