#Ortigueira
Vídeo

Pleno ordinario de data 26.07.2024

Expediente 1352/2023 - Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para a xestión da EDAR de Ortigueira 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Preguntamos se as obras de mellora e conservación incluídas no convenio afectarán ao canon que paga a veciñanza. Ademais, será necesario presentar unha ordenanza nun prazo máximo de 6 meses tras a aprobación en pleno.

 

Expediente 1550/2024 - Determinación dos días de festas laborais no Municipio de Ortigueira para 2025 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Os días propostos son o 4 de marzo, martes de Entroido, e o 29 de xullo, día de Santa Marta.

 

Expediente 6/2024 - Aprobación do proxecto modificado titulado Humanización Avda de Cuba 

Resultado da votación: Aprobado con 4 votos a favor (3 PP e 1 concelleira Rego Martínez do Grupo Mixto) e 7 abstencións (4 PSdG-PSOE, 2 PO e 1 BNG). 

Resumo: Sinalamos a importancia de aproveitar esta obra para realizar os saneamentos necesarios, instalar canles de telefonía e fibra para internet, e resolver problemas relacionados cos bolardos e o estacionamento de vehículos.

 

Expediente 1448/2024 - Ratificación da resolución de adhesión á central de contratación da FEGAMP 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Ratificouse a adhesión do Concello de Ortigueira ao Convenio da FEGAMP para a contratación do servizo postal e telegráfico, beneficiándose así de vantaxes e descontos para comunicarse coa cidadanía.

 

Expediente 1551/2024 - Moción do concelleiro Marco Schaal Orizales (BNG) para a construción dunha beirarrúa que facilite o acceso á Residencia de Maiores 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Solicitouse a construción dunha beirarrúa para mellorar o acceso ao Centro de Día e ao Centro Residencial de Maiores en Miñaño, ampliándoa até a entrada da Senda Litoral da Ría de Ortigueira. Esta infraestrutura é esencial para a seguridade e comodidade dos residentes e transeúntes, especialmente para as persoas usuarias. Inclúense propostas de saneamentos en Miñaño e a creación dun carril bici e peonil ao longo da circunvalación.

 

Expediente 1552/2024 - Moción do concelleiro Marco Schaal Orizales (BNG) relativa ao rexeitamento da suba do canon de Sogama e por un novo modelo de xestión de residuos 

Resultado da votación: Aprobado por unanimidade. 

Resumo: Instouse á Xunta de Galiza a mellorar a xestión de residuos e apoiar aos concellos, propoñendo a distribución equitativa dos 12.100.000 euros do Fondo Adicional segundo as toneladas de residuos, a creación dunha comisión entre SOGAMA, Medio Ambiente, Facenda e FEGAMP para definir o Canon 2025 e a promoción da compostaxe individual ou comunitaria. Tamén se mencionaron campañas de sensibilización para reciclar e separar residuos.

 

Expediente 1125/2023 - Moción dos voceiros dos grupos municipais PSdeG-PSOE e PO e do concelleiro Sr. Schaal Orizales (BNG) relativa á modificación das datas de celebración do pleno e das comisións informativas 

Resultado da votación: Aprobada con 7 votos a favor de BNG, PSdG-PSOE e PO. 

Resumo: Desde o BNG, consideramos que establecer un día concreto para realizar as comisións e plenos mellora a organización e o traballo do persoal administrativo e dos concelleiros.

 

ROGOS E PREGUNTAS

1. Ante os problemas de aparcamento en época estival, con vehículos invadindo liñas amarelas, beirarrúas e vados, sobre todo nas zonas turísticas e parroquias concorridas, pregúntase: ten o Goberno Municipal algunha medida máis efectiva que o uso da paciencia dos residentes? Están contemplando a posibilidad de habilitar zonas de aparcamento no que queda de verán?

A Concelleira de Turismo, Sra. Rego, responde que levan meses traballando nestes asuntos. En Céltigos colocaron sinais que desapareceron e hai problemas despois do aglomerado ao quedar as cunetas moi altas. En Espasante que se dotaron zonas de aparcamento pero que o problema di "temos a manía de chegar ata o mesmo sitio, ela mesma incluída", polo que unha das zonas habilitadas sempre está baleira. En Loiba seguen tendo o mesmos problemas.

2. Considerando a problemática do aparcamento en verán, pregúntase por que desde a área de Turismo non se propuxo unha liña de buses estival que facilite o acceso á praia con horarios e frecuencias axeitadas. Ou quizais o plan é fomentar o exercicio coa busca de aparcamento?

A Concelleira de Turismo, Sra. Rego, responde que analizando os custes (sobre 7000€) e os históricos desas liñas, que non había demanda suficiente para implementar este servizo. Con todo considera que ir á praia é importante pero non é de primeira necesidade.

3. Nos últimos meses, numerosas veciñas e veciños trasladáronnos queixas da falta de limpeza nos colectores do municipio. Como e cando pensa o Goberno Municipal solucionar este problema?

Responde o Sr. Alcalde, Sr. Calvín, que os operarios lle dixeron que é porque a xente bota o lixo en bolsas rompen ou directamente sen bolsa.

4. Relacionado cos colectores, nun pleno anterior preguntamos polos colectores marróns, que deberían estar en servizo xa a principios de 2024. Comentouse que se buscaban solucións, pero ata agora non vimos ningún colector novo. Está o Goberno Municipal xestionando a súa adquisición e instalación?

Responde o Sr. Alcalde, Sr. Calvín, ofrecendo a mesma resposta que dera o Concelleiro de Obras no mes de marzo de 2024. Seguen en diálogo cos demais concellos da contorna para intentar mancomunar o servizo e reducir gastos.

5. Sobre as charlas realizadas a principios de ano, concretamente a de Espasante sobre a senda peonil e a recollida de residuos en Abasteira, a veciñanza pregunta: houbo algún avance?

Responde o Concelleiro de Obras, Sr. Ponce, dicindo que é un proxecto de máis de un millón de euro e inviábel de asumir por parte do Concello de Ortigueira. A solución ofrecida é facer un convenio coa Deputación da Coruña para que se faga cargo da maior parte deste gasto.

 

 

ROGOS E PREGUNTAS presentadas no pleno e que se responderán no seguinte pleno ordinario.

 

PREGUNTAS

  1. A raíz das publicacións nas redes sociais do Concello sobre o curso de socorrismo, onde afirmaron en tres ocasións que o curso rematara (18 de maio, 26 de maio e 8 de xuño), pregúntase: por que a bolsa de contratación non se fixo ata o 10 de xullo? E máis grave aínda, por que o servizo de socorrismo non estaba operativo para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, como historicamente SI se viña facendo cando se contrataban socorristas? Por favor, eviten repetir as declaracións do Sr. Alcalde do 12 de xullo, e expliquen cal foi o verdadeiro motivo.

 
  1. Relacionado co servizo de socorrismo nos areais do Concello de Ortigueira. A xente trasládanos as seguintes preguntas: por que hai unha caseta de socorristas que está afastada a máis de 200m do areal e que nin ten vistas á zona de baño e non está no areal con vistas ao mar? Por que o persoal ten que empregar paos ou outros utensilios para pendurar as bandeiras e avisar do estado do mar? Por que as zonas de baño vixiadas nas praias non conta cunha zona delimitada con boias amarelas como historicamente se realizaba? 

 
  1. O 29 de maio anunciouse unha inversión de 50.000 euros para a mellora da Residencia de Maiores de Ortigueira, coa contratación das obras a cargo do Concello. Pregúntase: Vai facer algo o Goberno Municipal sobre os problemas estruturais nos dormitorios, baños e illamento, ou quedamos só no anuncio? E como vai a contratación das obras para a residencia? 

 
  1. Sabemos que están ao tanto das numerosas queixas por parte das persoas usuarias sobre a comida na residencia. Incluso fixeron unha comida con representantes das Consellerías, supoñemos que foi unha experiencia gastronómica reveladora. Despois de escoitar as queixas dos residentes, poderían compartir connosco a súa opinión sincera sobre a comida que alí lles ofreceron?

Poden facer algo desde o Goberno Municipal para mellorar a calidade do servizo de cátering? Por exemplo, utilizar a cociña e o forno que xa teñen na residencia para preparar a comida a diario e así mellorar a calidade e satisfacer aos nosos maiores?

 
  1. Canto lle custa de media ao Concello de Ortigueira cada Km de roza de pistas?

 
  1. Despois do Festival Internacional  do Mundo Celta de Ortigueira e con Ortigueira e Luama con sinais e paredes pintadas, algunhas cunetas con lixo, varandas estropeadas (que xa eran de antes, pero agora aínda peor), e un sin fin de máis mobiliario público en mal estado. Ten pensado o goberno municipal algún tipo de actuación para a limpeza, mantemento e conservación dos espazos públicos?

  2. Pregunta sobre as publicacións que saíron esta semana sobre o Parques Eólicos Badulaque e Barqueiro. Teñen pensado presentar finalmente o recurso de alzada ou ir ao contencioso administrativo como dixeron e reafirmaron nos plenos do verán pasado?

 

ROGOS

 
  1. Rogamos que se aborde a necesidade de mellorar o mantemento do parque automobilístico do concello. Algúns vehículos véselle un evidente deterioro e, polo que nos comentan, necesitan atención urxente para garantir a seguridade e eficiencia dos nosos servizos.

 
  1. Sabemos que a axenda cultural de xullo do Concello de Ortigueira non é para tirar foguetes, pero aínda así, os paneis informativos das parroquias seguen atrapados en xuño. De novo, rematamos outro mes e os paneis aínda non foron actualizados. Parece que a desidia e o pasotismo que tanto criticaron no pasado agora é a súa especialidade. Solicitamos e rogamos, unha vez máis, que actualicen os paneis a tempo e informen á veciñanza sobre as actividades culturais mensuais.

 
  1. Pídese que se proceda á rehabilitación e limpeza dos parques infantís, tanto no casco urbán coma o das parroquias, pois a maioría están nun estado lamentábel de conservación. 

 
  1. Fixémonos eco das queixas da veciñanza de practicamente todas as parroquias do concello. Levan semanas pedindo que se rocen as pistas, hai quitamedos, sinais, etc que xa non se ven porque están tapados de maleza. Rogámoslles que fagan caso ás demandas da veciñanza e comecen as rozas das pistas.

 
  1. Relacionado co anterior, tamén rogamos que fagan un exercicio de mantemento e conservación na lagoa de San Martiño, pois a pasarela ten táboas en mal estado, hai tramos nos que faltan etc.

Ler novas
Vídeo

Pleno ordinario de data 30.05.2024

No último pleno municipal de Ortigueira, abordáronse os seguintes puntos:

  1. Expediente 1156/2024. Modificación Orzamentaria mediante Crédito Extraordinario/Suplemento de Crédito 27/2024CE-SC2

    • Resultado da votación: Aprobada cos votos a favor do goberno e en contra da oposición.

    • Detalles: O BNG volve criticar duramente as formas de actuar do goberno, destacando a falta de orzamentos actualizados, a mala xestión e a falta de diálogo. A pesar de apoiar o arranxo de centros sociais e a contratación de socorristas nas praias, a oposición non puido votar a favor debido á xestión deficiente do goberno. Subliñamos, como en anteriores ocasións, que esta situación poderíase ter evitado cunha mellor planificación e transparencia.

 
  1. Expediente 1130/2024. Adhesión a Declaración Institucional Día Nacional da Convención Internacional sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: Non houbo discusión sobre este punto, que contou co apoio de todos os grupos, demostrando consenso en cuestións de dereitos fundamentais.

 
  1. Expediente 1132/2024. Apoio ao Colectivo de Persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) Galegas

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: Similar ao punto anterior, non houbo controversia e foi aprobado por unanimidade, destacando a importancia de apoiar a aqueles que padecen esta grave enfermidade.

 
  1. Axudas Escolares

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: A primeira das 4 proposta do BNG. A moción presentouse para establecer e aumentar as axudas escolares, foi ben recibida por todos os grupos. Destacouse a importancia de garantir recursos para todas as persoas estudantes, especialmente as que estean en situacións desfavorábeis. Resaltouse a necesidade de elaborar e redactar as bases para conceder axudas escolares para o curso 2024-2025.

 
  1. Exención de Pago a Portos de Galiza

    • Resultado da votación: Aprobada por unanimidade.

    • Detalles: Proposta tamén do BNG, que buscaba aliviar a carga financeira do concello por mor dos canons e autorizacións cobrados por Portos de Galiza. A moción subliñou a necesidade de xestións máis transparentes e eficientes, e propoñíase a exención de tarifas para actividades de entidades locais e sen ánimo de lucro.

 
  1. Proposta da CIG

    • Resultado da votación: Aprobada cos votos do BNG, PSOE e XA, e coa abstención de PO e PP.

    • Detalles: A proposta buscaba mellorar as condicións laborais e combater a pobreza laboral, destacando a importancia de establecer un Marco Galego de Relacións Laborais. Destacouse a necesidade de protexer os dereitos laborais para afrontar os cambios no tecido produtivo e o impacto das novas tecnoloxías.

 
  1. Moción de Rexeitamento a ALTRI

    • Resultado da votación: Non aprobada.

    • Detalles: Só contou co voto favorábel do BNG. O PSOE e PO abstivéronse, mentres que PP-XA votaron en contra. A moción pretendía expresar o rexeitamento á instalación dunha macrocelulosa en Palas de Rei debido ao seu impacto ambiental e social negativo, destacando a falta de transparencia e os posíbeis prexuízos económicos e ambientais.

 
  1. Expediente 1209/2024. Modificación Orzamentaria mediante Crédito Extraordinario 28/2024.CE4

    • Resultado da votación: Considerada non urxente e, polo tanto, non se votou.

    • Detalles: A moción foi considerada non urxente debido a que a documentación foi presentada polo goberno do PP-XA escasas horas antes do pleno. Ademais, o propio informe achegado polo goberno municipal indicaba un incumprimento, sinalando un déficit orzamentario de -229.025,09 euros segundo a normativa SEC 2010. O BNG criticou novamente as formas do goberno, subliñando a mala xestión e a falta de previsión económica, o que nos está levando, según os propios informes do goberno, a situación financeira a un punto crítico.

Ler novas
Novas
Estado das beirarrúas en diferentes parroquias do Concello de Ortigueira

Levamos meses denunciando o mal estado das infraestruturas municipais e reclamamos melloras urxentes nas mesmas

Parécenos moi ben que o actual goberno de XA-PP presuma das escasas actuacións que levan a cabo, como é o arranxo dalgúns tellados dos centros sociais ou limpar pistas nalgunhas parroquias, mais era ben que mirase tamén de amañar os desperfectos no resto do Concello de Ortigueira e dos que xa demos aviso e solicitamos que reparasen: parques, pistas polideportivas, farolas, limpeza, arranxo e anclaxe de colectores, beirarrúas e, particularmente, aquelas zonas que pola súa afluencia reciben máis visitas ou sexan reclamos turísticos.

❌ Beirrarúas en moitas parroquias en estado deplorábel (Loiba, Mera de Baixo, Santa Marta, Espasante, Senra,...).

❌ Parques de exercicios con ferruxe e en mal estado (Santa Marta).

❌ Pistas polideportivas sen redes ou rotas en porterías e canastras (Espasante, Senra, Couzadoiro, Devesos,...). valados rotos ou remendados con bridas (para suxeitar paneis ou valados metálicos!!!). Céspede artificial ou pista en mal estado, roto, levantado, etc.

❌ Sendeiros e rutas de sendeirismo sen limpar.

Nalgúns casos levan anos sen mirarse ou arranxarse, a pesar das súas propias denuncias cando estaban na oposición, con varios avisos pola nosa parte por rexistro, nas comisións ou nos plenos e, sen esquecerse, das persoas usuarias que son as máximas afectadas por esta deixadez e abandono.

Da limpeza, arranxo ou anclaxe de colectores, a pesar de realizarse uns poucos. Do arranxo das pistas e fochancas que tanto denunciaban,... En definitiva, do básico en conservación e mantemento de instalacións e infraestruturas municipais, xa nin falamos.

#OrtigueiraMereceMáis #BNG #Ortigueira

Ler novas
Novas
Greta no CEIP

O BNG de Ortigueira pide melloras urxentes para o CEIP José María Lage

O BNG de Ortigueira reuníuse coa dirección do CEIP José María Lage para recoller as demandas e diferentes problemas que arrastra o colexio e para trasladarlles o apoio e compromiso para conseguir os acordos necesarios cos demais partidos políticos para mellorar as infraestruturas do centro de Educación Primaria e Educación Infantil

O noso portavoz, Marco Schaal , tomou nota das cuestións que lle trasladou a dirección, como é o deterioro que soporta o edificio, onde hai dúas gretas moi visibles e que poden afectar á seguridade da estrutura e pídese unha análise e solución urxente das mesmas por parte das administracións públicas.

Engádense a estes deterioros as canalizacións, en mal estado en practicamente todo o centro e inexistentes noutras partes o que provoca filtracións e humidades en diferentes aulas. A necesidade de pintar o centro, tanto por dentro coma por fóra, o mantementos dos espazos verdes, onde se inclúe a poda das árbores e desbroce, a revisión urxente do tellado onde está a cociña, que ademais de poder afectar á seguridade afecta xa á salubridade, xa que a Inspección de Sanidade sempre avisa da necesidade urxente de solventar estes problemas de humidades na zona de cociña e comedor.

Outras deficiencias importantes que afectan ao centro é a seguridade, xa que nas fines de semana do inverno e, sobre todo, na última quincena de agosto, os patios cubertos aparecen vandalizados e en mal estado, ademais de que nos últimos días entraron no colexio de noite e prenderon lume no chan do ximnasio que foi cambiado recentemente e tamén nas cortizas de diferentes aulas.

Asimesmo, trasladouse a necesidade dunha intervención rápida por unha posíbel plaga de Scleroderma Doméstica, derivada da carcoma existente na madeira, que produciron picaduras tanto no alumnado coma no profesorado e que precisaron de atención médica.

Desde o BNG de Ortigueira consideramos que hai unhas actuacións que son urxentes realizar no noso centro educativo, tanto por hixiene como para ter un espazo educativo en boas condicións para toda a comunidade educativa.

Por todo isto, o BNG de Ortigueira urxe aos demais partidos políticos a crear unha comisión para avaliar a situación dos centros educativos do concello e ofrecer unha solución urxente ás deficiencias máis graves antes do inicio do curso 2023/24 o vindeiro 11 de setembro.

Ler novas