#pleno
Vídeo

Pleno Ordinario 31/01

PREGUNTAS

1.- Trasládannos queixas sobre o funcionamento da "liña verde" que ten dispoñíbel o Concello de Ortigueira. A veciñanza di que presentan a dúbida ou queixa ante o organismo competente, mais non obteñen resposta. Segue funcionando esta liña de comunicación veciñanza-concello? Por que non se lles dá resposta nas 24 horas seguintes a formular a dúbida ou queixa?

O Sr. Alcalde di que o programa “Liña Verde” funciona ben e que si se lles dá resposta. Que se non se dá resposta en 24h é porque hai avarías ou incidencias que non se poden resolver nese tempo.

2.- Desde o Concello de Ortigueira publicouse que se ían convocar novas Actividades de Dinamización Sociocomunitaria. Xurdiron dúbidas ao respecto destas actividades, quen as vai desenvolver? Unha empresa privada ou as propias asociacións veciñais? Que custe lle supón ao concello facerse cargo de activdades que xa se ofertaban en diferentes centros sociais e que realizaban as diferentes asociacións veciñais? Houbo algún tipo de diálogo entre concello e asociacións para a realización destas actividades?

A Sra. Concelleira deixou claro que ou non entendeu as preguntas ou non quixo entendelas. Isto último, seguramente por falta de argumentos. Comezou o seu mitin propagandístico intentando desacreditar ao noso portavoz referíndose á vida persoal ou facendo un xuízo de valor sobre a mesma. Algo que consideramos fóra de lugar para responder ás preocupacións que nos trasladaron diferentes asociacións veciñais. 

Pero si demostra con esa actitude a altura política e persoal da persoa que fai esas alusións co único fin de intentar desacreditar a un rival político. E non é a primeira vez que o fai e seguramente non sexa a última.

Tamén demostran que a política do PP-XA segue sendo a mesma que cando estaba na oposición: por falta de argumentos, van ao terreo persoal.

Era preciso facer a alusión á vida persoal? NON.

Era preciso facer o mítin xustificando o “ao redor dun café”? NON.

Respondeu ás preguntas solicitadas? ALGUNHAS. Unhas actividades que xa realizaban as Asociacións Veciñas, van ser levadas a cabo por unha empresa privada. Tamén deixa claro que non falou coas asociacións, senón que, falou coas veciñas e cos veciños, pero non coas asociacións.

3.- Preguntamos xa en agosto como ían ser os convenios coas asoaciacións veciñais, 6 meses despois ninguén sabe como nin cando se van asinar uns convenios que xa deberían estar en marcha para o bo funcionamento dos programas que desenvolven as nosas asociacións veciñais. Preguntamos de novo e non responda como da última vez “como se viña facendo” porque non se facía ben nin antes nin agora: como van ser eses convenios? Neses convenios recollerase tamén as condicións e concesión completa dos Centros Sociais parroquiais ás AAVV de ditas parroquias?

A Sra. Concelleira respondeu que se estaban reunindo coas asociacións desde fai uns meses e que o departamento xurídico do concello estaba traballando para redactar uns decretos para que todas as entidades saian favorecidas por igual.

 

PREGUNTAS ANTERIORES SEN CONTESTAR

Á pregunta de se o concello solicitara a subvención para conseguir un vehículo para persoas maiores, dependentes ou con discapacidade con cargos aos fondos Next Generation UE?

A pregunta xa sabiamos que era un non, pero no pleno confirmouno. Sabemos que era non porque xa estaba fóra de prazo para ser solicitada cando se lles preguntou e non a tiñan tramitada, ademais do descoñecemento de tal subvención. Pero o Sr. Alcalde intentou xustificar a perda desta subvención comentando que o máximo de subvención eran 40.000€, que o Concello debería poñer outros 30.000€ e que non contabamos con eses cartos.

Valoración: A resposta foi un “excusatio non petita, pecata manifesta”. E por riba, saíulles mal, moi mal. É redundante a escusa de “non hai cartos”. Levan 7 meses dicindo o mesmo. Pero poñela para adquirir un vehículo necesario para as nosas persoas maiores, dependentes ou con discapacidade cando fai pouco, noutro pleno, dixeron que preferían gastar os cartos nestes asuntos en vez de contratar a unha persoa para dinamización lingüística (subvención de até 20.000 euros), pois... era máis fácil dicir que non tiñan coñecemento da subvención. Máis, cando en 7 meses de Goberno PP-XA, gastaron bastante máis dos 30.000€ que o "concello non ten" en festas e festexos. Prioridades do PP-XA.

Repetimos: tampouco tería pasado nada con dicir que non a pediron porque se lles pasou ou non sabía que había esa subvención. Polo menos sería unha resposta máis honesta.

 

Á pregunta do poste da luz na Rúa Eugenio López, que levaba meses aí e dixo que xa estaba falado e solucionado o tema. Pero que pasaban as semanas e os meses pero o poste segue aí entorpecendo e imposibilitando o tránsito da xente. Ata cando imos ter ese poste instalado aí?

Esta pregunta xa foi respondida nese pleno e puxémola na publicación do pleno de novembro. A resposta foi: que se reuniron cos responsábeis e que se vai solucionar na maior brevidade. Tamén comentaron uns problemas en Loiba e Espasante.

Neste pleno insitiron, porque xusto uns días antes do pleno de xaneiro retiraron, por fin, ese poste. Consideramos que a todas as persoas nos alegramos pola retirada do poste, mais non foi á maior brevidade posíbel e si despois de preguntarlles varias veces polo tema.

Ligado ao anterior, tamén ían corrixir o nome do noso portavoz e concelleiro na páxina web do Concello de Ortigueira (versión en castelán). Mentres xa realizaron modificacións nese apartado, introducindo o nome da nova concelleira do PSOE, seguen sen corrixir o nome do noso partido e concelleiro, nin outros erros que hai desde fai máis de 7 meses que se tomou posición dos cargos e despois de 2 meses de solicitalo.  

Ler novas
Novas

MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DO BNG AO PLENO DO CONCELLO SOBRE A SITUACIÓN DO TRANSPORTE POR ESTRADA NA COMARCA

A moción foi aprobada por 7 votos a favor do BNG,PSOE e PO e abstención do PP (5) 

Nela ponse de manifesto “os evidentes incumprimentos” por parte das concesionarias e a “complicidade” da Xunta de Galicia, que non estaría esixindo que se respecten as condicións da adxudicación dun servizo que a empresa ten en rexime de “monopolio” e que, ademais, está cofinanciado polos concellos cunha achega de 350.000 euros anuais. 

Ler novas
Vídeo

Pleno Ordinario 29/09/23

Pleno Ordinario setembro

Un pleno que durou case 4 horas, e hai que dicilo, por culpa unica e exclusivamente do Partido Popular e máis concretamente do Sr. Alcalde que, no primeiro punto estivo dando unha resposta lendo un informe moi interesante do cronista de Ortigueira, o Sr. Carlos Breixo. Mais consideramos que puideron dar traslado dese informe antes do pleno ás concelleiras e aos concelleiros e de exposición pública para toda a veciñanza, evitando así a prolongación do mesmo ata as case 4 horas.
A Moción sobre o Camiño do Mar saíu adiante cos votos a favor de BNG, PO e PSOE (7).

Se non lle chegou ao Sr. Alcalde con ternos unha hora escoitándoo no primeiro punto, no punto sobre a nosa moción sobre o estado dos centros educativos, decidiu falar dos pasados da Sra. Ana Franco (PO) ou do Sr. Juan Penabad (PSOE) pero tamén de falar de mocións, accións e demais historias que pasan noutros concellos. Entendemos que o tema lles era incómodo e precisaban algo para desviar o tema, embarralo, crispar e seguir na súa liña de facer ineficientes os plenos.
E todo, repetimos, TODO o dito, fóra do punto da moción que se debatía, pois nin tiñan que ver coa moción do centro educativo (raios x? asfaltado de pistas? bailes VIP?). Aquí é xusto e necesario dicir e recordar que no anterior pleno (10/08/23) o Sr. Alcalde que chamou á orde, interrompeu e practicamente retirou a palabra ao noso concelleiro, Marco Schaal, xa que este decidiu desistir facer uso da súa palabra polas interrupcións que o Sr. Calvin estaba a realizar. Pero curiosamente nesta ocasión quen se foi do tema por completo e, de novo, innecesariamente foi o Sr. Alcalde e nin se lle interrompeu, nin se lle chamou á orde e moito menos se lle retirou a palabra por iso. Lembrámoslles que presentamos unha solicitude de reunión urxente aos 5 partidos (aceptada por PSOE e PO) o pasado 30 de agosto, a 29 de setembro seguimos sen ter resposta e preguntamos varias veces ao longo do pleno e a resposta era a esperada: silencio.
Polo menos a moción presentada polo BNG saíu adiante por unanimidade.

A outra moción que presentamos, e que se presentou en toda Ferrolterra e Ortegal, sobre o servizo de autobuses no Concello e na comarca, tamén saíu adiante. Sorprende que o PP cando está no goberno sexa descoñecedor absoluto de queixas de usuarias, do incumprimento de horarios, etc. pero si se acordaba ou tiña constancia cando gobernaban outros. A moción saíu adiante grazas aos votos a favor do BNG, PSOE e PO (7) e as abstencións do PP (5).
Nesta moción lembrámoslles tamén que presentamos unha solicitude de información sobre os posíbeis convenios que poida ter o concellos coa(s) empresa(s) adxudicatarias e, de existir, informar sobre as condicións.

O tempo botábase enriba e quedaban os turnos de preguntas e rogos, e tivemos que omitir algunhas preguntas e que presentaremos no seguinte pleno, mais deixamos a que máis preocupación ou interese espertou na veciñanza, a Festa-Baile do 26 de agosto. Despois de evitar responder aos concelleiros de PO e PSOE (Ana Franco e Juan Penabad), preguntamos a que subvención da deputación concorreron para pagala, xa que nunha comisión dixeron, literalmente, que "ao concello non lle vai custar nada, que o paga a deputación". Nun despiste, e á pregunta da concelleira Ana Franco, a concelleira de cultura dixo que "las luces las pagó el concello". Como coa partida dos 25.000€ de Educación, cansáronse a dicir que non había cartos e as partidas estaban esgotadas, pero aí estaba unha partida de Educación con 25.000€. Pois coa festa xa sabemos o que vai pasar: invita o PP, pero paga o concello cos cartos de toda a veciñanza, ou coa partida de "Festas Populares e Festexos" (coñecida anteriormente tamén como "Partida complementaria de educación").

Quedaban os rogos, nos que o noso portavoz e concelleiro lle solicitou ao Sr. Alcalde que retirase as dúas acusacións que lanzou contra el e sen posibilidade de réplica, insinuando que obrigaba a falar en galego e que se ría sobre o persoal do SAF.
Primeiro hai que dicir que como representantes públicos e atendendo a 3 Leis temos o deber de dinamizar, normalizar e promover o uso da nosa lingua, e aínda así, non obrigamos a ninguén a empregalo.

E en segundo lugar, acusar ao noso voceiro de rirse do persoal do SAF xa é  intolerábel e insulto ao propio SAF. Máis cando é unha persoa que sempre estivo e está ao lado dos traballadores, que leva desde que accedeu ao cargo movéndose e comunicándose con asociacións e organizacións (lembremos que só temos 1 concelleiro e con todas aínda non demos contactado),  e que participou en múltiples folgas e mobilizacións, de todos os sectores e nos que se reclamaban dereitos e melloras laborais (por poñer algúns exemplos: movementos xuvenís, Marea Branca (sanidade), Marea Verde (educación) Marea Naranxa (servizo sociais), e poderiamos seguir) ou nos movementos ambientais e de protección do noso patrimonio natural. Polo tanto é, foi, inadmisíbel esa actitude por parte do Sr. Alcalde. Polo menos recapacitou e pediu desculpas pola súa acusación.

Ler novas
Vídeo

Pleno Ordinario 10/08/23

Neste pleno saíu adiante a proposta de Declaración Institucional contra a instalación dos P.E. Barqueiro e P.E. Badulaque que presentou o BNG
Primeiro presentámola aos diferentes partidos políticos para que fixesen as súas aportacións, e despois, unha vez aceptada por todos, foi presentada para a súa aprobación no pleno.
No turno de preguntas e rogos, o noso portavoz, preguntoulle de novo ao Sr. Alcalde ata que punto estaría disposto chegar para a paralización dos mesmos e se estaría disposto a ir a un contencioso administrativo. A súa resposta foi un SI rotundo. Pola nosa parte, non podemos máis que amosar a nosa satisfacción en que así sexa, e que de chegar a esa situación (que esperemos que se paralice antes), se manteña firme na súa postura.
Ler novas
Vídeo

Pleno ordinario 11/07/23

O 7 de xullo de 2023 tivo lugar o pleno extraordinario para a aprobación do regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico.
Dos 13 concelleiros elixidos democraticamente o pasado 28 de maio, presentáronse 12.
 
Na orde do día estaba prevista a renuncia por incompatibilidade dunha concelleira do grupo municipal do PSOE. Polo tanto, as votacións poderían estar alteradas e a concelleira de Primeiro Ortigueira pediu que os temas referidos a remuneracións e indemnizacións se realizasen no seguinte pleno, unha vez presentes os 13 concelleiros e concelleiras. Esta proposta foi rexeitada cos votos do grupo de goberno de PP e XA.
 
Un dos primeiros puntos a tratar era a celebración dos plenos municipais. Estes, celebraranse na última semana dos meses impares ás 20:00h. Punto aprobado por unanimidade.
A proposta do BNG foi que se celebren os venres para favorecer a asistencia e participación e que se inclúa nos plenos a posibilidade de participación da veciñanza e/ou das asociacións, que poidan participar e preguntar ao final das sesións, tal e como se recolle na Lei que regula o funcionamento das entidades locais.
 
En canto ás remuneracións, saíu adiante a aprobación de dúas parciais do 40% de dedicación (14h) e unha persoa como asesora-secretaria persoal do Alcalde.
A nosa postura, seguindo o que levabamos no noso programa, era a redución de gastos na corporación municipal. Co presentado, a redución é mínima, polo tanto, optouse por votar en contra.
Con todo, consideramos que hai que dignificar o traballo político e que non se cobra só polas horas adicadas, senón tamén pola responsabilidade que conleva ocupar ese posto.
En definitiva, propuxemos unha redución no coste destas dedicacións (perto dos 30.000€ as dúas máis a asesora-secretaria).
Indemnizacións por asistencia aos plenos.
De novo, observamos como, en vez de reducir os gastos ou mantelos, decídese por 6 votos a favor de PP e XA que os plenos (en meses impares) sexan 150€, as comisións (en meses impares) 100€ e as xuntas de goberno (1 semanal) 100€. Inclúese a creación dunha xunta de portavoces, bimensual e 100€ por cada unha.
Consideramos que as cantidades, a final de mes e ano, son esaxeradas e pedimos que se reduzan. Alén diso, no caso de haber 4 sesións de xunta de goberno, por coherencia co que propoñían, transparencia e información á oposición faise necesaria e urxente a creación da Xunta de Portavoces.
O noso voto foi en contra da proposta.
 
O punto 7, delegación de competencias plenarias na Xunta de Goberno Local (XGL), saíu adiante grazas aos votos a favor de PP-XA (6). Isto significa que en 2023 votaron a favor de algo que levaban votando en contra noutras ocasións, que non é outra cousa que quitarlle competencias ao pleno para darlla á XGL e que a oposición (en maioría: BNG 1, PSOE 4, PO 2) non teña voto sobre decisións de certa relevancia para o noso municipio.
 
Creación dos grupos Municipais e participación nas comisións. O BNG pasa ao grupo mixto por non obter os 2 escanos que lle darían a posibilidade para constituírse como grupo municipal independente. Créanse dúas comisións nas que haberá 3 representantes do PP, 2 do PSOE, 1 de PO e un do Grupo Mixto, formado polo BNG e XaT.
No grupo mixto sae como voceiro o portavoz do BNG, Marco Schaal , e como suplente, a portavoz de XA, Isabel Rego. Terán turno de palabra ambos. Nestas comisións os turnos serán rotatorios entre ambas formacións e poden estar presentes en todas elas.
 
No tema da persoa asesora-secretaria para o Alcalde a nosa postura podería ser favorábel, entendendo que teña a alguén que o asesore para unha persoa que entra como novata na alcaldía. Mais, analizando as funcións que se lle outorgan, entendemos que non a podemos aceptar, xa que son funcións dunha secretaría persoal nas que se inclúen atención telefónica, axenda institucional ou atención de oficina á cidadanía, entre outras.
Ler novas
Vídeo

Pleno Investidura

Pleno de xuño no que os concelleiros e concelleiras tomaron posesión da súa condición de concelleiros e concelleiras no Concello de Ortigueira.

O PP acada a alcaldía por minoría simple ao ser o partido máis votado nas eleccións municipais do 28 de maio. Contou con 5 votos a favor. Forma goberno coa concelleira de Xunto a Ti (XA). Mantendo un goberno en minoría.

A oposición estará formada por: 4 concelleiros/as do PSOE, 2 concelleiros/as de PO e 1 concelleiro do BNG.

Ler novas